O Centro Ocupacional Aspromor é un espazo especializado de estancia diúrna, destinado a proporcionar atención integral a persoas con discapacidade con necesidades de apoio límite e intermitente que polas súas características precisan dunha atención persoal para potenciar hábitos de vida diaria, así como actividades capacitadoras e terapéuticas de formación ocupacional e de desenvolvemento de habilidades de axuste persoal e social.
Son persoas usuarias deste servizo homes e mulleres con discapacidade intelectual pertencentes aos Concellos de Ortigueira, Cariño e Mañón que asisten diariamente, de luns a venres, dende os seus domicilios.
Para completar as necesidades das persoas que asisten diariamente, o Centro Ocupacional compleméntase co servizo de transporte despregando tres rutas diarias para trasladar ás persoas que residen na zona rural.
Taller de elaboración de fregonas
O Centro Ocupacional mantén un obradoiro permanente de elaboración de fregonas no que os/as usuarios/as do Centro desenvolven unha actividade semiproductiva. Cada usuario/a realiza unha tarefa diferente adaptada ás súas capacidades. O resultado final vai destinado ao mercado galego grazas á colaboración da empresa GADISA que merca e distribúe a produción de fregonas que se fan neste obradoiro. Este obradoiro está destinado a persoas con necesidades de apoio intermitentes ou limitadas, cun nivel de autonomía e capacidades para participar neste tipo de actividade.
Os obxectivos xerais desta actividade son adquirir hábitos, destrezas e aptitudes beneficiosas dende o punto de vista psico-social e realizar un traballo real destinado ao mercado.
Taller de Invernadoiro-Xardinería
Actualmente no proxecto do invernadoiro de Aspromor desenvólvense labores ocupacionais de xardinería e horticultura ecolóxica cunha finalidade pedagóxica e terapéutica. Os/as usuarios/as aprenden todo o relacionado co coidado e mantemento das plantas de interior e exterior, a preparación e elaboración de semilleiros, o transplantado, a colleita, etc.
Paralelamente, responsabilízanse do mantemento dos espazos axardinados do Centro Ocupacional e dos espazos do invernadoiro coa colocación de carteis indicativos, normas de uso, decoración dos bancais, limpeza, etc.
Todo isto fíxose posible grazas a dúas subvencións concedias pola Fundación Obra Social La Caixa o cal permitiu a reapertura e posterior remodelación do invernadoiro e tamén a dúas subvencións concedidas pola Fundacion ONCE dentro do marco da Convocatora Xeral de axudas para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade. Logrouse así diversificar e consolidar esta actividade de venta ó público de plantas de exterior, interior e ferramentas de xardín.
Esta nova vertente abre unha porta de inclusión co entorno, permitindo de xeito natural introducir o día a día das persoas con discapacidade na dinámica do pobo mellorando a súa autonomía, a súa imaxe social e a súa autoestima.
Trátase dunha faceta máis que complementa e mellora os recursos dos que dispón esta actividade de xardinería e horticultura.
Taller de reparación de envases de plástico
Este obradoiro está formado por seis persoas con discapacidade do Centro Ocupacional apoiados por un traballador responsable do taller que se encarga da formación dos/as usuarios/as. Desenvólvense todas as aprendizaxes necesarias para realizar esta actividade que consiste na reparación de elementos compostos de plástico, tales como contedores, mobiliario urbano, embarcacións (Kayaks), depósitos, envases, caixas, etc.
Para realizar estas reparacións trabállase coa maquinaria e ferramentas específicas da actividade como son fresadoras, cortadoras, lixadoras, amoladoras e extrusoras.
As reparacións non se fan con ningún elemento metálico, se non cunha técnica especial moi novidosa de termo soldadura, ofrecendo deste xeito unha mellor garantía.
Este obradoiro ponse en marcha grazas á realización de varios cursos de formación financiados polo Grupo Costeiro de acción Local da Mariña-Ortegal (GALP) e a Fundación ONCE mediante FSC Inserta.
Como clientes colaboran varios Concellos (Ortigueira, Cariño, Mañón, O Vicedo, Viveiro, San Sadurniño, Valdoviño, Fene, As Pontes, Ares, Mugardos e Pontedeume), as lonxas de Cedeira, Cariño, Celeiro e Burela e empresas como Urbaser, Celta Prix e Portos de Galicia.
Esta actividade foi recoñecida no ano 2017 coa concesión da Certificación de Boas Prácticas a nivel europeo pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea. O proxecto foi presentado en Letonia no seminario transnacional FARNT dentro do marco da inclusión social das comunidades pesqueiras.