A finais do ano 2021, a entidade Aspromor puxo en funcionamento un Servizo de Atención Residencial no que se prestan os servizos terapéuticos de atención directa para persoas con discapacidade intelectual.
Dentro da carteira de servizos prestados para persoas dependentes con discapacidade intelectual intégranse as seguintes prestacións:
- Área de información, valoración, seguimento e orientación.
- Área de formación básica e instrumental con asistencia ás actividades básicas da vida diaria.
- Área de actividades e programas (actividades de ocio e tempo libre)
- Área de mantemento e/ou rehabilitación, onde se inclúe fisioterapia, psicomotricidade, atención de enfermería, etc.
- Área de servizos xerais, como son o aloxamento, manutención e dietas especiais, limpeza, lavandería e xestión da roupa, etc.
Os programas previstos inclúen a asistencia para a realización de actividades básicas da vida diaria, a rehabilitación funcional, actividades de participación na comunidade, etc., co obxectivo de mellorar ou manter o nivel de autonomía persoal e calidade de vida, así como apoiar as súas familias ou persoas coidadoras.
A residencia de Aspromor, o estar situada en pleno casco urbano de Ortigueira, permite gozar e participar de todas as actividades culturais que ofrece o noso Concello, favorecendo e primando a inclusión das nosas usuarias e usuarios no propio entorno.
Este servizo ten cobertura a nivel autonómico, podéndose acoller a el as/os usuarias e usuarios de todo Galicia.
Residencial Terapéutico
Este servizo conta con 10 prazas de atención dirixidas a persoas con discapacidade gravemente afectadas. As persoas con discapacidade que reciben a prestación do servizo precisan de maiores apoios no seu día a día.
Neste Centro ofrécese un servizo residencial con maior intensidade e máis prestacións específicas a persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio extenso e xeneralizado e/ou en situación de dependencia, servindo de soporte para o desenvolvemento dun conxunto de actuacións e programas específicos encamiñados a ofrecer atención e rehabilitación social e o mesmo tempo converter o servizo na súa vivenda permanente.
Residencial Terapéutico Ocupacional
O Servizo Residencial terapéutico-ocupacional de Aspromor conta con 18 prazas para persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio límite e intermitente.
Está constituído por un conxunto de actuacións adaptadas ás necesidades da persoa usuaria a través das que se ofrece unha atención integral, continuada e personalizada ás persoas en situación de dependencia tendo en conta o tipo de discapacidade que padecen, así como o seu grao de dependencia. Está destinado ás persoas que, ben por razóns sociais ou familiares, teñen dificultades para unha integración familiar normalizada, ou porque a distancia xeográfica lles impide a súa atención nun servizo de atención diúrna.