A ASOCIACIÓN PRO MINUSVÁLIDOS DO ORTEGAL (ASPROMOR) é unha entidade de acción social constituída baixo a forma de asociación e suxeita á Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.

Foi fundada no ano 1984, por iniciativa dun grupo de pais e nais para mellorar a súa calidade de vida e  dar cobertura ás necesidades de apoio das persoas con discapacidade intelectual. Nun principio a labor de Aspromor estaba orientada á poboación infantil en coordinación co Colexio de Ortigueira. Xuntos levaron a cabo o primeiro programa piloto de integración para as persoas con discapacidade.

No ano 1990 créase o Centro Ocupacional Aspromor, que presta un servizo de atención a persoas adultas con discapacidade intelectual apoiados/as por un equipo de profesionais cualificados.

Este Centro Ocupacional ten capacidade para 40 persoas e está equipado con diferentes espazos onde se desenvolven  tanto as actividades ocupacionais como as de ocio.

En 1997, a asociación únese a FADEMGAFEAPS, que serviu de base inspiradora para a súa creación e favorecer o seu desenvolvemento como asociación, ademais de coordinar programas para persoas con discapacidade intelectual a nivel familiar, social e de emprego.

O seguinte obxectivo que se planeou no ano 2004 foi a compra dunha vivenda para un proxecto de vida independente. Conscientes das necesidades que tiñan moitos dos/as usuarios/as do Centro, que por razóns sociais ou familiares tiñan dificultades para acudir diariamente ó Centro Ocupacional.

Mediante este recurso proporcionase axuda a aquelas persoas que queren realizar un proxecto de vida independente, apoiadas por persoal técnico para o desenvolvemento de habilidades de vida diaria e obtención de aprendizaxes para xestionarse de forma independente.

Debido ás necesidades de apoio extensas e/ou xeneralizadas, ademais da avanzada idade que presentaban algúns dos/as usuarios/as do Centro Ocupacional, no ano 2013 Aspromor ofrece un novo espazo, a Unidade de Día.

Nela, os/as usuarios/as desenvolven unha actividade semiprodutiva propia do Centro Ocupacional, ademais de traballar a independencia, autonomía ou a mobilidade corporal, recoñecendo os espazos polos que se moven e relacionándose con eles, cos seus compañeiros/as e o persoal. Co obxectivo de adquirir pautas de comunicación verbal ou alternativa, que favorezan a súa relación co entorno e as persoas.

No ano 2021, a entidade Aspromor puxo en funcionamento un Servizo de Atención Residencial de nova apertura no que se prestan os servizos terapéuticos de atención directa para persoas con discapacidade intelectual. Este servizo ten como obxectivo primordial o apoio ás persoas con discapacidade intelectual na realización do seu proxecto de vida mediante unha atención integral personalizada, facilitando un entorno social normalizado en coordinación coas súas familias

A Residencia de Aspromor conta con 18 prazas de servizo terapéutico-ocupacional (SARTO) e con 10 prazas de servizo terapéutico (SART), onde as persoas que reciben a prestación do servizo precisan de maiores apoios no seu día a día.

No mesmo espazo onde se sitúa a entidade, a Asociación conta tamén cun Centro de Día, con capacidade para 21 usuarias e usuarios.

Tras 38 anos de historia, Aspromor converteuse nun centro para persoas con discapacidade co obxectivo final de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.