A Asociación Pro-Minusválidos de Ortegal (Aspromor) foi fundada en 1984 por iniciativa dun grupo de pais e nais para satisfacer as necesidades de apoio das persoas con discapacidade intelectual da Comarca de Ortegal.
O seu ámbito de atención inclúe os municipios de Ortigueira, Cariño e Mañón. Destes Concellos proveñen os usuarios que a diario se atenden no Centro Ocupacional Aspromor que se atopa no Paseo de Barro Soto en Ortigueira con capacidade para 40 usuarios/as.
O Centro Ocupacional está equipado con diferentes espazos entre as que destacan talleres nos que os usuarios desenvolven diferentes actividades en función das súas capacidades / habilidades. Atendendo ao seu desenvolvemento integral planifícanse tamén diferentes actividades de lecer, coincidindo co calendario anual e aproveitando os recursos ofrecidos pola nosa contorna.
Conta tamén cunha área de comedor para ofrecer este servizo a todos os / as usuarios / as e ao persoal do Centro.
Debido á dispersión xeográfica da comarca a Asociación ofrece un servizo de transporte para o que dispón de varias furgonetas que percorren tres roteiros diarios para trasladar ao Centro a todos os usuarios que residen na zona rural.
Aspromor ten habilitada unha vivenda tutelada co fin de proporcionar apoio a aquelas persoas que queren realizar un proxecto de vida independente. Apoiadas por unha monitora desenvolven habilidades de vida diaria e adquiren aprendizaxes para xestionarse de forma independente.